LODEIRO: A Figura Transcendida

LODEIRO, A FIGURA TRANSCENDIDA

 Esta exposición, conmemoración do XXV cabodano de Lodeiro (Vigo, 1930-1996), céntrase nunha pequena selección de obras, dous lenzos significativos do seu comezo, os cinco últimos óleos que pintou e dúas tintas do 1996. Pese a transcorrer entre os primeiros e os derradeiros máis de 30 anos, coa evolución e investigación plástica propia dun gran artista, atopamos unha linguaxe de seu, que vai ser constante ao longo dos seus procesos pictóricos, no concernente ao retrato e que daría para unha grande exposición e análise rigorosa.

Dende os seus primeiros lenzos mostra un particular tratamento da figura, especialmente dos rostros, profundando en toda a súa obra nas “metades”. Lodeiro parte as  caras, primeiramente en vertical e máis tarde inclúe trazos horizontais en gradacións, en multiplicidade de planos ou faccións, facendo dos seus seres unha marca persoal e recoñecible, como teñen dito críticos e escritores. Xohana Torres en 1970 “As figuras de Lodeiro son estáticas, xordas, eu diría que asexantes”. Estes volumes humanos, van configurar un continuum que evolucionan parellas á súa investigación pictórica, a miúdo ligadas a paisaxe, en sucesións de planos, ou configurando e contendo eles mesmos a paisaxe, como na súa serie Mutantes.

Rostros sempre nas metades.

Hai moito de primitivismo nos retratos e moita abstracción tamén. Funcionan como iconas ou representacións humanas, apoiadas a miúdo na angustia existencial, sen embargo con todo o seu hermetismo e hieratismo posúen un absoluto poder comunicativo. Así ocorre coas súas viúvas, nas que homenaxea ás mulleres galegas, nunhas figuras totem que abranguen todo o lenzo coa súa impoñente presenza e, nas que a paisaxe fai o papel de esclarecedor da pertenza á terra.

Rostros sempre nas metades.

É necesario tamén, mostrar dúas das tintas que pintou no mesmo ano do seu falecemento. Cabezas mutantes ou primitivas, co mesmo selo lodeirán dos seus rostros, pero agora enchidos de raias e motivos de cores, compostos de metades de metades, debuxados e raiados ata o horror vacui, sen que haxa paralelismo entre as partes, como se neses rostros, toda a multiplicidade e seccións falasen da propia individualidade inmersa no colectivo e no social.

Rostros sempre nas metades.

Na etapa final da súa vida volve á figura case inicial, volve tamén traballar óleo con materia, que lle confire eses acabados aveludados e cálidos, aínda que esteamos ante cores frías. Correa Corredoira ten dito que os Homes con Sombreiros son autorretratos, en todo caso Lodeiro facía das causas dos outros a súa propia causa, e nestes derradeiros retratos, trasunto do eu, impera a soidade, a angustia, a sorpresa, o medo de quen leva o peso do mundo sobre a súa cabeza.                                                                                                                                                                                                                                             RUTH LODEIRO

 

GALERÍA DE IMÁXES